luns, 29 de setembro de 2014

A comunicación humana

Criterios de avaliación
Ao final da unidade debería ser vostede capaz de:

  1. -Analizar e recoñecer os elementos que interveñen nun acto de comunicación, as funcións da linguaxe e  o signo lingúístico
  2. -Comprender o contido, intención e propósito dos discursos orais,escritos e audiovisuais procedentes de diversos contextos comunicativos.
  3. -Expresar por escrito e oralmente o contido dunha mensaxe axustando o discurso ás diferentes situacións comunicativas
  4. -Identificar o texto como unidade lingüística e os principais tipos de textos  segundo a súa intención comunicativa.
  5. -Distinguir as disciplinas lingüísticas
  6. -Identificar o obxecto de estudo da morfoloxía e a estrutura das palabras.
  7. -Recoñecer e identificar as distintas clases de palabras e os seus trazos definitorios.

Nesta primeira unidade aparecen unha serie de contidos que debe dominar para o estudo das posteriores.Conceptos: linguaxe, comunicación, funcións da linguaxe, Palabras variables e invariables, lexemas, morfemas, tipos de morfemas. Identifique as diferentes clases de palabras: substantivo, adxectivos, pronomes, verbo, adverbio, preposición e conxunción. 





A comunicación


Índice de contidos:
1. Introdución
2. Elementos que interveñen no proceso de comunicación
3. A linguaxe e as súas funcións:
3.1. Introdución
3.2. Funcións da linguaxe:
3.2.1. Referencial ou representativa
3.2.2. Expresiva ou emotiva
3.2.3. Fática ou de contacto
3.2.4. Metalingüística
3.2.5. Conativa ou apelativa
3.2.6. Poética ou literaria
3.3. Conclusión
4. O signo:
4.1. Definición
4.2. Constituíntes do signo
4.3. Tipos de signos
4.4. Características do signo lingüístico
5. Lingua e fala
5.1. Introdución
5.2. As linguas no mundo:
5.2.1.- A diversidade lingüística no mundo e en Europa: unidade e
diversidade lingüística. Multilingüismo e plurilingüismo
5.2.2.- Linguas maioritarias e linguas minoritarias
5.2.3.- A imposición lingüística
5.2.4.- A normalización como sistema corrector
5.2.5. O caso galego
5.3. A diversidade lingüística de España:
5.3.1. A diversidade lingüística na península Ibérica: linguas
faladas na península Ibérica
5.3.2. España, un Estado plurilingüe. As linguas do Estado:
territorios, usos e situación legal
5.2.3. O galego e a lei
5.4. Linguas en contacto: as interferencias lingüísticas
5.5. A norma estándar e as variedades xeográficas e sociais da lingua
galega
5.6. Programas, seccións e características da lingua nos medios de
comunicación de masas
6. As relacións paradigmáticas e sintagmáticas


1. Introdución

Os humanos son seres que nacen e se desenvolven nunha sociedade de individuos que precisan relacionarse
uns cos outros. O SER HUMANO é, pois, un ser social ao que lle compre comunicarse con outros individuos da mesma especie para intercambiar experiencias, datos, etc., en definitiva información. Na sociedade en que vivimos estamos continuamente realizando ou presenciando actos de comunicación. O son dun timbre, os acenos dunha man erguida que di adeus, os olores dunha comida, o sabor dun doce, o contacto cunha pel suave, etc., todos eles son actos de comunicación baseados no uso de signos de diversa índole: audibles, visibles, táctiles, olorosos, saborosos, etc.
A comunicación é, pois, un acto de transmisión de información dun individuo a outro, é un proceso que bota man dunha serie de elementos que interveñen de forma activa ou pasiva nese proceso, aínda que, ás veces, esa participación non sexa facilmente recoñecible.

2. Elementos que interveñen no proceso de comunicación


Nun acto de comunicación teñen que estar sempre presentes unha serie de elementos, aínda que estes sexan imperceptibles para nós. Tales elementos son: referente, emisor, receptor, mensaxe, código, canle, contexto e situación.
O referente é o obxecto material ou non ao que se refire a mensaxe, o emisor é a persoa, animal ou cousa que transmite a mensaxe; o receptor, quen a recibe. A mensaxe está constituída polo conxunto de información que o emisor envía ao receptor. O código é un conxunto de signos e regras, que, combinados, permiten construír mensaxes, é a lingua que utilizamos na transmisión de información. A canle é o medio ou camiño polo que circula a mensaxe (aire, cable, papel,...). O contexto está constituído polo contorno lingüístico en que se produce o acto de comunicación, e a situación é o contorno extralingüístico (espazo, tempo) en que se produce o acto de comunicación. Estes elementos actúan nun acto de comunicación a través de dous procedementos obrigatorios que son a codificación e a decodificación. Mediante a codificación o emisor selecciona dentro do código aqueles elementos que lle permiten elaborar unha mensaxe. Na decodificación o receptor leva a cabo unha operación contraria, inversa á anterior.

3. A linguaxe e as súas funcións

3.1. Introdución
Por linguaxe entendemos a capacidade do ser humano para comunicarse por medio dunha lingua, pero tamén o conxunto de linguas humanas. Con frecuencia utilizamos mal a palabra porque nos referimos a unha lingua ou a unha modalidade de lingua.
De todo isto pódese deducir que a función fundamental da linguaxe é a comunicación, pero, dependendo do tipo de comunicación, falamos de distintas funcións da linguaxe. Entre elas estaría a referencial, a expresiva, a fática, a metalingüística, a conativa e a poética.
3.2. Funcións da linguaxe
3.2.1. Referencial ou representativa
A linguaxe soe presentar sempre esta función, porque sempre adoita pretender informar de algo, pero dun texto diremos que presenta esta función cando predomine sobre as demais. Distínguese das outras porque a mensaxe aspira a transmitir unha información obxectiva que represente a realidade extralingüística. Dáse nos libros de texto habitualmente. Ex.: dúas e dúas son catro.
3.2.2. Expresiva ou emotiva
Dáse esta función en textos nos que predomina a manifestación dos estados de ánimo do emisor. Á marxe de que a información poida ser obxectiva ou subxectiva, prevalece a expresividade ou emotividade do emisor. Dáse na poesía lírica habitualmente. Ex.: que bo día fai!
3.2.3. Fática ou de contacto
A linguaxe, ás veces, ten como obxectivo verificar o funcionamento da canle. Aparece con frecuencia nas conversas telefónicas. Máis que a mensaxe parece interesar se esta chega claramente ao seu destino. Dáse en conversas directas.
Ex.: diga, diga,... si?, a Roma, di?
3.2.4. Metalingüística
É unha modalidade de función referencial. A linguaxe utlízase para transmitir unha información obxectiva, pero o tema é a propia linguaxe. Está nos libros de lingua Ex.: para facer o plural engadimos o morfema (-S) nas palabras rematadas en vogal.
3.2.5. Conativa ou apelativa
Neste caso a linguaxe presenta como función prioritaria producir unha reacción no interlocutor. Máis que informar, preténdese lograr do receptor un comportamento determinado. Ocorre isto na linguaxe publicitaria. Ex.: Ven a Galicia, verás o Paraíso.
3.2.6. Poética ou literaria
Esta función céntrase na mensaxe en si mesma. Agora non interesa tanto o que se di como de que maneira se di. Importa máis a forma, a estética. É a linguaxe literaria. Para lograr esta función o emisor utiliza recursos expresivos: lingüísticos ou literarios.
Ex.: ¡como chove miudiño,/ como miudiño chove,/ pola banda de Laíño,/ pola banda de Lestrove...!
3.3. Conclusión
Entre as funcións da linguaxe e os elementos que interveñen nun acto ou proceso de comunicación pódense establecer as seguintes conexións:
Función referencial............ Referente.
Función expresiva.............. Emisor.
Función conativa................ Receptor.
Función poética.................. Mensaxe.
Función metalingüística..... Código.
Función fática..................... Canle.

4. O signo

4.1. Definición
Un signo é un elemento material sensible ou capaz de representar a outro elemento material ou inmaterial.
4.2. Constituíntes do signo
O signo consta de dúas partes: significante e significado. O significante é unha imaxe acústica, unha sucesión de sons á que asociamos un concepto todos os falantes dunha lingua.
Sitúase no plano da expresión. O significado é o concepto que temos dese
significante e sitúase no plano do contido. Ex.: árbore (signo): /árbore/ (significante). Planta con pólas e follas...(significado).
4.3. Tipos de signos
Os signos segundo as relacións entre significado e significante poden ser:
a) Indicio ou síntoma. É aquel signo entre cuxo significante e significado hai unha relación causa-efecto. O signo indicio é motivado. Ex.: a febre é síntoma de enfermidade.
b) Icona. É aquel signo entre cuxo significante e significado hai unha relación de parecido. É motivado. Ex.: unha foto ou un mapa son signos iconas.
c) Símbolo. Un signo é símbolo cando entre significante e significado non hai relación algunha. É arbitrario e non motivado. O signo lingüístico é un signo símbolo, agás algunhas excepcións como as onomatopeas que son signos iconas.
4.4. Características do signo lingüístico
O signo lingüístico é un símbolo caracterizado por ser biplano, arbitrario, articulado e lineal.


  •  Biplano quere dicir que ten dúas caras ou planos: a do significante, que é o que oímos ou vemos, e a do significado, que é o concepto que temos do que oímos ou vemos.
  • Que o signo lingüístico sexa arbitrario quere dicir que entre significante e significado non hai relación algunha. O signo lingüístico é o resultado dunha convención, salvo excepcións. Isto explicaría que un mesmo significado sexa designado por significantes distintos en diferentes sistemas lingüísticos (idiomas).
  • O signo lingüístico é tamén articulado, o cal quere dicir que un signo lingüístico é divisible. Hai dous modos de dividir o signo lingüístico; buscando unidades con forma e sentido, buscando unidades que só posúan un dos dous aspectos (forma ou sentido). Para referírmonos aos modos de articulación utilizamos os numerais ordinais, así que falaremos de primeiro e segundo modo de articulación. Co primeiro modo de articulación buscamos e atopamos unidades que teñen forma e sentido (oración, frase ou sintagma, palabra, morfema); co segundo modo de articulación buscamos e atopamos unidades máis pequenas, pero que carecen dunha das dúas caras ou planos (sílaba,fonema; sema). As unidades menores do primeiro modo de articular son osmorfemas; do segundo, os fonemas e semas.
  • Por último, ao dicir que o signo lingüístico é lineal estamos admitindo que se desenvolve nun espazo e nun tempo. Os fonemas, para facer sílabas, deben seguir uns a outros, e o mesmo ocorre coas sílabas para facer morfemas, cos morfemas para facer palabras, e así sucesivamente. E isto é así tanto na linguaxe oral coma na escrita (linguaxe substitutiva da oral); cada unidade segue a outra e non pode nunca superpoñerse. Deste xeito os signos aparecen sempre formando unha cadea cando os relacionamos para construír unha mensaxe (cadea falada). O signo lingüístico adquire valor semántico pola súa capacidade de oposición.


5. Lingua e fala

5.1. Introdución
Unha lingua é un sistema de signos do que un individuo pode botar man para establecer un proceso de comunicación con outro que comparta ese mesmo sistema. A fala é a posta en práctica dese sistema.
5.2. As linguas no mundo:
5.2.1. A diversidade lingüística no mundo e en Europa: unidade e diversidade lingüística. Multilingüismo e plurilingüismo

AS LINGUAS DO MUNDO. A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA

As linguas xorden como sistemas de comunicación entre os diversos individuos dunha colectividade. De aí ven o seu carácter social. Pero as linguas diversificáronse polo uso peculiar que cada individuo fixo deses sistemas. É por isto polo que as linguas se manifestan diversas na súa variedade oral e unificadas na súa variedade formal.
A diversificación lingüística é un proceso histórico que se debe a ese carácter individual, pero tamén, e sobre todo, ao resultado dun proceso de expansión de diversos pobos que, nun afán conquistador, saíron das súas
fronteiras e ocuparon outros territorios, dando lugar a unha situación de colonización e mestizaxe que orixina novos pobos, novas culturas e novas linguas.
É, pois, facilmente imaxinable que, nun principio, o número de linguas fose menor, mesmo se podería pensar nunha única lingua primitiva, da que se foron derivando moitas nun proceso de disgregación continuo, que provocou a aparición de novas linguas en etapas sucesivas. De feito hai quen considera que a multiplicidade de linguas actuais se poderían agrupar en 20 ou 30 familias, algunhas en fase de extinción e outras en fase de expansión. A falta dun censo fiable, pódese falar dun número de linguas entre 3000 e 5000, é dicir, hai moitas máis linguas que Estados (aproximadamente tocarían a 15 linguas por Estado). Isto mostraría unha tendencia clara ao plurilingüismo, aínda que ao longo da historia moitas linguas foron desaparecendo debido á presión colonizadora das falas dos pobos dominadores. A todo isto hai que engadir que, ás veces, non está claro ou non hai coincidencia entre os lingüistas sobre o concepto de lingua e faise difícil
establecer os límites entre o que é e o que non é unha lingua. Remontándonos na historia, unha das familias de linguas coa que nos atopamos é a familia de linguas indoeuropeas (familia indoeuropea), da que formarían parte as linguas itálicas (osco, umbro, latín), as linguas xermánicas (inglés, alemán, holandés, sueco), as linguas célticas (bretón, galés,...), as linguas baltoeslavas (ruso, ucraíno, búlgaro,...), as linguas indoiranias (persa, hindi, bengalí, nepalés,...), ou o grego. Do latín derivan o galego, o portugués, o castelán, o catalán, o francés, o occitano (provenzal), o italiano, o romanés, o sardo, o retorromano.
En Europa, o triunfo do liberalismo no século XIX transformou as monarquías absolutas en modernos Estados-nación, baseados na concepción de nación como unha entidade colectiva cunha xeografía, raza, lingua, historia, costumes e relixión comúns. Estas nacións precisaban organizarse en Estados autónomos, que garantisen a identidade, asegurasen a defensa do que era común e potenciasen os elementos integradores fronte aos disgregadores. É así como os países se dotan dunha lingua oficial potenciada polo Estado, e que pode ter a orixe na lingua común a todas as zonas do país (polaco), ou nunha variedade lingüística que se impón ao resto (toscano en Italia, dialecto de L’iIle en Francia,...), ou no idioma dos conquistadores e colonizadores (español en América, inglés en Australia e América do Norte,...).
Pero a realidade dinos que a maioría das veces os Estados son plurilingües e, por ser plurilingües, teñen máis dunha lingua oficial. Así ocorre en Canadá (inglés e francés), Suíza (italiano, alemán, francés e romanche), ou Bélxica (flamenco e valón). Ao mesmo tempo hai linguas que son oficiais en máis dun Estado (inglés, francés, castelán, alemán, portugués,...). as fronteiras políticas rara vez coinciden coas lingüísticas, polo que moitos dos Estados actuais son multilingües, como é o caso de España, onde se falan catro linguas (castelán,
catalán, galego e vasco).
Nesta situación xorde o inglés como lingua franca internacional, pois é oficial nuns 44 estados, e ademais é o idioma da diplomacia, da ciencia, da técnica, das multinacionais, da comunicación,... A coexistencia no seo dun Estado de dúas ou máis linguas provoca habitualmente situacións de desigualdade, resoltas polo falante especializando o uso de cada unha das linguas. Esta especialización é a que dá orixe á diglosia.

5.2.2. Linguas maioritarias e linguas minoritarias

LINGUAS EUROPEAS HEXEMÓNICAS E MINORIZADAS
Non é nada fácil saber o número de falantes con que conta cada unha das linguas do mundo, como tampouco o era poñerse de acordo no número de linguas. As causas desa imposibilidade son moitas, algunhas facilmente imaxinables (falta de censo,...). Deste tipo de estudos ocuparíase a Demografía lingüística que ten moitas dificultades para ofrecer conclusións fiables. Ademais hai moitos países plurilingües, o que faría máis difícil aínda esa delimitación.
Por todo isto, ás veces, séguense criterios que son pouco obxectivos. Así pois, falar de linguas maioritarias, as de maior número de falantes e de linguas minoritarias, as de menor número de falantes, é unha cuestión moi relativa.
Ademais unha lingua pode ser maioritaria nun sitio e minoritaria noutro. Por exemplo o Galego é maioritario, a nivel de fala, en Galicia, fronte ao castelán, pero minoritario en España.

5.2.3. A imposición lingüística
A situación lingüística actual é o resultado de continuos desprazamentos de pobos ao longo da xeografía mundial. Eses desprazamentos puideron ser debidos a causas relixiosas, económicas, políticas ou militares. O contacto entre culturas e linguas produciu mesturas entre elas, aínda que case sempre a comunidade máis poderosa acabou impoñendo a súa cultura ou a súa lingua (latín na Península, castelán / portugués en América do Sur, inglés / francés en América do Norte, etc.). Ese espallamento poboacional deu lugar á aparición de novas modalidades idiomáticas. Unhas veces unha lingua desapareceu por
impoñerse a outra, outras modificouse, pola influencia da nova lingua. En todo caso, a indiferenza non presidiu case nunca eses contactos entre linguas. Os resultados foron as interferencias e o bilingüismo ou a diglosia. Este proceso de imposición adoita levar a outro proceso máis grave cal é o de substitución lingüística, como xa apuntamos antes. Este proceso desenvólvese en tres pasos: Un primeiro paso manifestaríase na aprendizaxe da lingua allea de xeito selectivo e sectorial. Un segundo paso consistiría na expansión xeográfica e social do bilingüismo, ampliándose considerablemente a incorporación á nova lingua. O uso das dúas linguas polarízase xeográfica e socialmente. Na terceira etapa desaparecen os monolingües na lingua orixinal en favor dun bilingüismo total. Agora o idioma é unha característica da clase social á que se pertence.

5.2.4. A normalización como sistema corrector
Fronte a esas circunstancias que poñen en perigo a supervivencia dalgunhas linguas, non cabe outra solución que a protección das mesmas, favorecendo que o seu uso sexa considerado normal por parte dos falantes, que se han de convencer de que o seu idioma é válido para a transmisión de calquera tipo de idea, pensamento, dato ou coñecemento. Este proceso de recuperación dun idioma propio denomínase Normalización, e é un proceso que debe ir acompañado doutro de normativización, que será o que elabora as normas polas que se ha de rexer ese idioma.

5.2.5. O caso galego

LINGUA HABITUAL EN GALICIA
En Galicia vivimos estes procesos (Normalización e Normativización) a partir do Rexurdimento, pois o intento de recuperación de usos lingüísticos de creadores como Francisco Añón, Xoán Manuel Pintos, Rosalía, Curros, Pondal, e outros (proceso normalizador) foi acompañado doutros intentos normativizadores como foron a gramática de Mirás ou o dicionario de Marcial Valladares. Pero eses procesos iniciados no século XIX, non podemos dalos aínda por concluídos, pois se ben no que respecta á normativización, hoxe
existe consenso entorno ás “Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego” (última revisión de 2003), no que respecta ao proceso de normalización segue sen concluír e cada vez semella ter máis atrancos e dificultades.

5.3. A diversidade lingüística de España:

5.3.1.- A diversidade lingüística na península Ibérica: linguas faladas na península Ibérica.
Na península Ibérica hai dous Estados: Portugal e España. Portugal ten unha lingua: o portugués. É, pois, un Estado monolingüe. Pero en España hai catro linguas: castelán, catalán, galego e éuscaro(vasco). España é, polo tanto, un Estado plurilingüe. Outras como asturiano(bable), aragonés e aranés están consideradas como variedades dialectais(dunha zona xeográfica determinada).

5.3.2.- España, un Estado plurilingüe. As linguas do Estado: territorios, usos e situación legal
A REALIDADE PLURILINGÜE DA PENÍNSULA

O castelán é lingua oficial en todo o Estado español e todos os españois teñen o deber de coñecelo e o dereito de usalo. Os outros idiomas son tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas e todos os habitantes desas comunidades autónomas teñen o dereito de os coñecer e usar. Así o catalán tamén é oficial en Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares; o galego é oficial en Galicia, e o vasco é oficial no País Vasco. Así pois, Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares, Galicia, País Vasco, son comunidades bilingües por posuíren dúas linguas, que os habitantes desas comunidades teñen o dereito de coñecer e usar, pero, con frecuencia, ese bilingüismo non é real. A situación máis habitual é a de diglosia, polo que os gobernos respectivos levan a cabo políticas de promoción e defensa do idioma propio
.
5.3.3. O galego e a lei

O galego está definido no Estatuto de Autonomía como lingua propia de Galicia e todos os galegos temos o dereito a usalo e coñecelo. Esta situación deixa a algúns insatisfeitos, pois reclaman unha redacción distinta do articulado, propoñendo: “E todos os galegos temos o deber de coñecelo e o dereito a usalo”, que é como se recolle na Constitución española a relación dos españois co idioma.

5.4. Linguas en contacto: as interferencias lingüísticas

Dous sistemas lingüísticos entran en contacto cando teñen que compartir territorio ou cando estreman. Ao entraren en contacto esas dúas linguas, prodúcense entre elas interferencias. Se as interferencias son moitas, pode aparecer un novo sistema, unha nova lingua ou unha nova modalidade idiomática (spanglish, castrapo). O factor fundamental de diversificación do latín foi, sen dúbida, entrar en contacto con distintos sistemas idiomáticos nos diferentes territorios que foron conquistando e romanizando. O feito de que dúas linguas compartan territorio condiciona a evolución dos dous sistemas ata o punto de que, no caso do galego, se fale do castrapo (de base castelá ou galega) como modalidade de fala máis frecuente entre os galegos. É dicir, entre galegos a comunicación faise maioritariamente nun galego cheo de castelanismos de todo tipo, ou nun castelán cheo de galeguismos: Exs. Cuando tú llegaste ya yo cantara (castrapo de base castelá), cuando ti chegaches xa eu había cantado (castrapo de base galega). Hai, sen embargo, galegos que falan galego ou castelán sen interferencias. Soen ser falantes con actitudes puristas radicalizadas, cultos e ideoloxizados. Estes mesmos falantes, de non seren cultos, provocan os vulgarismos que chamamos hiperenxebrismos. Os hiperenxebrismos son o resultado do afán diferenciador de xentes sen os necesarios coñecementos filolóxicos: Ex. *Ambente.
As interferencias entre galego e castelán prodúcense un todos os planos de análise lingüística:


  • Fonético-fonolóxico: indistinción do timbre das vogais medias tónicas; aparición de grupos cultos (bl), (cl), (pl) cando o resultado é semiculto: *blanco, *clavo, *plato por branco, cravo, prato; apócope nos sufixos (-ade), (-ude) con perda da sílaba final: *verdá, *virtú en vez de verdade, virtude.
  • Morfosintáctico: alteración de xénero nalgúns substantivos: *a leite, *a nariz... por o leite, o nariz...; uso da forma masculina do artigo diante de substantivos femininos empezados por (á) tónico: *o auga, *o aguia... por a auga, a aguia...; plurais anómalos dos demostrativos masculinos: *estos, *esos por estes, eses; usos reflexivos que o galego non ten: *sentarse, *casarse... por sentar, casar...; erros na colocación do pronome átono: *mo dixo un amigo... por díxomo un amigo...
  • Léxico: ás veces a palabra castelá substituíu á palabra galega: ex.: *muela por moa; ás veces mesmo se adapta: ex.: *parexa por parella. Algunhas veces os significados aparecen especializados. Ex.: billa (‘para un pipote’), grifo (‘para a traída de auga’).

5.5. A norma estándar e as variedades xeográficas e sociais da lingua galega

As linguas maniféstanse diversificadas en múltiples falas. Esa diversificación é debida a moi variadas causas: causas históricas, xeográficas, socio-económicas, situacionais.

As causas históricas permítennos falar de diferentes etapas na formación dun idioma. No caso do galego temos unha etapa medieval (galego-portugués > galego e portugués, séculos XIII a XV), etapa moderna (séculos escuros, séculos XVI a XVIII), etapa do Rexurdimento (século XIX), e século XX.

As causas xeográficas son as utilizadas polos lingüistas para falar de tres bloques dialectais no galego: oriental, central e occidental. Os bloques aparecen divididos en áreas e estas en subáreas. Para establecer estas divisións baséanse nos fenómenos dialectais como o seseo, a gheada, solución aos sufixos latinos -anu /-ana, solución aos grupos latinos -ult-, -uct-, - oct, -oriu-, plural dos nomes rematados en (-n), formas verbais, etc. No galego occidental habería seseo e gheada e o plural dos nomes rematados en (-n) faríase engadindo (-s), no galego central non habería seseo, pero habería gheada en parte e formarían o plural das palabras rematadas en (-n) cambiando o (-n) por (-s), no galego oriental non habería nin seseo nin gheada e farían o plural dos nomes rematados en (-n) cambiando o (-n) por (- is).

As causas socio-económicas son as que establecen diferenzas entre ungalego culto e outro vulgar. Ás veces é conveniente falar dunha variedademedia de descrición subxectiva. En Galicia as persoas cultas falan galego ou castelán e as que non o son falan castrapo de base galega ou de base castelá.

As causas situacionais establecen diferenzas entre distintos estilos lingüísticos adecuados a diferentes situacións. Así podemos falar dunha variedade formal fronte a outra coloquial, mesmo se fala de distintas
modalidades específicas, coma: linguaxe matemática, química, literaria, etc.

5.6. Programas, seccións e características da lingua nos medios de comunicación de masas
Os medios de comunicación, coa excepción dos medios públicos e algunhas publicacións privadas, fan un emprego minoritario da lingua galega, relegada aos espazos culturais e de opinión. En xeral, a maioría dos medios non contribúe á consolidación da lingua.

No ámbito audiovisual a presenza do galego redúcese aos medios públicos galegos (TVG e Radio Galega), que o empregan de maneira case exclusiva. TVE e RNE utilizan o galego nalgúns espazos e o mesmo fan algunhas radios e televisións locais.
Na prensa escrita a presenza do galego é tamén escasa. A situación apenas mellorou desde 1975, pois as grandes empresas da comunicación non consideran o galego rendible.  Só algún periódico local ou revista especializada, como as revistas de información xeral Tempos Novos ou O Norte, e mesmo as especializadas Luzes de Galiza e A trabe de Ouro.
Segundo algúns datos publicados, entre 1990 e 1999, agás Sermos  Galiza e Praza Pública, a cota de emprego do galego situouse entre o 1,5 % e o 10%.
O sector publicitario móstrase remiso ao uso do galego, aínda que se consolide o seu emprego nos medios e a súa aceptación entre os consumidores.

6. As relacións paradigmáticas e sintagmáticas

Os signos que se seguen nunha cadea falada manteñen relacións uns cos outros na mesma cadea ou uns con outros que puidesen aparecer no seu lugar dentro desa cadea. As relacións que mantén un signo con outro da mesma cadea son relacións sintagmáticas (relacións horizontais), mentres que as relacións que mantén un signo con outro que puidese aparecer no seu lugar serían relacións paradigmáticas (relacións verticais).

As relacións sintagmáticas e paradigmáticas son relacións con carácter xeral que se dan por igual en todos os niveis de análise (fonoloxía, morfoloxía, etc.).

En fonoloxía a relación que gardan entre si os fonemas de /mesa/ son sintagmáticas, pero a relación de /e/ con /a/, /i/, /u/, formando outras palabras /masa/, /misa/, /musa/, serían paradigmáticas.

En morfoloxía a relación de zapat- con - eiro en zapateiro son sintagmáticas, pero as de zapat- con cest- de cesteiro son paradigmáticas.

En sintaxe as relacións de o can e come en o can come son sintagmáticas, pero as que hai entre o can e o gato serían paradigmáticas en o can / o gato come.

As relacións paradigmáticas poden darse entre unidades de distinto tipo. Así entre el (palabra) e o alumno (frase) ou o que estuda (oración) existen relacións paradigmáticas en cadeas como el /o alumno/ o que estuda aproba.

Tamén convén saber que os elementos pertencentes á mesma clase de palabras non teñen que gardar obrigatoriamente relacións paradigmáticas entre si. E iso é o que ocorre cos substantivos can e gato na cadea o can ladra, pois o gato non ladra. Neste caso can e gato non son substituíbles. Si gardarían relacións deste tipo no contexto o can / o gato dorme.

Ningún comentario:

Publicar un comentario